|
|
BASES
"V XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS GALEGAS"
1-. A Concellería de Festas e Animación Sociocultural
do Concello de Vigo organiza, en colaboración coa asociación cultural
"Interfolc", as V Xornadas de Danza e Música Tradicionais Galegas, que
terán lugar no teatro-sala de concertos do Centro Cultural Caixanova,
os días 1, 2 e 16 de novembro, a partir das 20'00 horas.
2-. Nestas xornadas poderán inscribirse todas aquelas agrupacións de danza
e música galegas que o desexen e que pertenzan a unha entidade legalmente
constituída, sen ánimo de lucro. O grupo terá obrigatoriamente un mínimo
de seis parellas mixtas no escenario, e os seus compoñentes deberán ser
maiores de 15 anos. Neste sentido o xurado poderá requiri-la presentación
dalgún documento de identificación de calquera dos/as participantes.
3-. A solicitude de inscrición poderá realizarse ata as 13 horas do día
20 de outubro de 2003, cubrindo o impreso que poderán solicitar na Escola
Municipal de Danza do Concello de Vigo, en horario de luns a venres, de
10 a 12 horas e de 19'00 a 22'00 horas. As solicitudes poderán entregarse
persoalmente ou ben remitilas por correo ou fax á citada escola (praza
do Rei, s/n; CP 36202; teléfono/fax: 986.81.01.67). Non se admitirá ningunha
solicitude que se reciba con posterioridade á hora e data indicadas, calquera
que sexa o motivo do atraso.
4-. O comité organizador das xornadas seleccionará entre tódalas solicitudes
recibidas un total de 12 agrupacións, e se terán en conta os seguintes
criterios: calidade do grupo, experiencia nacional e internacional, participación
noutros certames ou festivais, premios obtidos, número de compoñentes...
O día 1de novembro actuarán seis agrupacións e o 2 outras seis. O día
16 terá lugar a final das xornadas.
5-. As agrupacións participantes comporanse necesariamente de corpo de baile
e grupo de acompañamento, e vestirán todos eles o traxe rexional. Ningún bailarín
ou grupo de acompañamento poderá tomar parte nas xornadas con máis dunha agrupación;
este será motivo de descualificación para as agrupacións implicadas.
6-. Cada agrupación seleccionada bailará dúas danzas, cunha duración máxima
de 5 minutos cada unha delas, e que deberán indicar no impreso de solicitude
de inscrición, xunto co seu historial completo e detallado; non poderán ser
cambiadas sen consentimento do comité organizador. As agrupacións que se clasifiquen
para a fase final deberán cambiar unha das pezas obrigatoriamente.
7-. A orde de actuación das doce agrupacións seleccionadas decidirase mediante
sorteo público ( ó que poderá asistir un representante por cada grupo) que
se realizará o martes 31 de outubro, ás 11'00 horas, na Casa do Concello.
8-. O xurado das xornadas será designado polo comité organizador e estará
presidido pola concelleira de Festas e Animación Sociocultural do Concello
de Vigo ou persoa en quen delegue. Como vocais actuarán catro persoas de recoñecido
prestixio, relacionadas co mundo da danza e da música tradicionais galegas,
mailo director da agrupación gañadora da edición anterior. Como secretario/a
actuará un/unha funcionario/a municipal designado/a polo comité organizador,
con voz e sen voto.
9-. O xurado valorá de 0 a 10 puntos a cada agrupación, e terá como base fundamental
os seguintes criterios: calidade artística dos bailaríns, grao de dificultade
e autenticidade das danzas interpretadas e do vestiario utilizado, valor interpretativo
do grupo de acompañamento. Será motivo de descualificación excederse dos cinco
minutos establecidos para cada danza na base núm 6.
10-. O veredicto do xurado farase público ó remate da segunda xornada, e pasarán
á fase final as seis agrupacións que obteñan maior puntuación e que volverán
actuar con dúas danzas, o día 16 de novembro, e seguirán rigorosamente a orde
inicial. En caso de empate resolverá o voto de calidade da presidenta do xurado.
11-. Os premios establecidos polo comité organizador son os seguintes:
1º premio: 1.500.- €, medalla e diploma.
2º premio: 900.- €, medalla e diploma.
3º premio: 600.- €, medalla e diploma.
4º premio: 300.- €, e diploma
5º e 6º premio: diploma.
Premio especial de 150.- €, e diploma ó mellor bailarín.
Premio especial de 150.- €, e diploma á mellor bailarina.
Premio especial de 180.- €, ó mellor grupo de acompañamento.
Os premios estarán suxeitos á normativa fiscal que sexa de aplicación. O comité
organizador aboaraos, mediante transferencia bancaria, nos quince días hábiles
seguintes á final das xornadas, así como os gastos de desprazamento. Co obxecto
de realizar estes pagamentos, as agrupacións deberán achegar obrigatoriamente
á solicitude de inscrición, unha fotocopia compulsada do CIF e unha certificación
bancaria.
12-. O veredicto final do xurado farase público trala actuación das seis agrupacións
finalistas e da correspondente deliberación. A continuación entregaranse os
premios.
13-. O comité organizador aboaralle a cada agrupación participante de fóra
do termo municipal de Vigo a cantidade de 240.- €, en concepto de gastos de
desprazamento, e 120.- €, no caso das agrupacións da cidade. Así mesmo, aboaráselles
estas mesmas cantidades de novo ós seis finalistas.
14-. A organización das xornadas declina calquera responsabilidade sobre os
posibles accidentes ou danos que os participantes poidan sufrir durante a
súa participación.
15-. A mera solicitude de inscrición nas xornadas supón a aceptación plena
das presentes bases. Así mesmo, os veredictos do xurado serán inapelables.
16-. O comité organizador e o xurado quedan facultados para resolve-las posibles
controversias ou dúbidas que poidan xurdir na interpretación das presentes
bases, así como para tomar iniciativas que contribúan ó bo desenvolvemento
das xornadas.
17-. O grupo gañador da presente edición das xornadas terá a obriga de tomar
parte na final da vindeira edición como invitado e fóra do concurso, e recibirá
a cantidade que se establece na base núm. 13; así mesmo, o/a seu/súa director/a
participará como membro do xurado na vindeira edición, e non poderá ser substituído
por ningunha outra persoa da agrupación.
|
|
|